Skip to main content
Novas

FEAFES Galicia reuniu a 150 persoas nas V Xornadas de Saúde Mental e Emprego

By 5 de Decembro de 2013Novembro 13th, 2022No Comments

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES Galicia, celebrou este mércores, 04 de Decembro, as V Xornadas de Saúde Mental e Emprego “En busca de oportunidades”. Nelas, expertos de toda Galicia e doutros lugares de España intercambiaron experiencias sobre a inserción laboral de persoas con enfermidade mental.

En Galicia hai máis de 41.000 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental, segundo o censo da Consellería de Traballo e Benestar. De todas elas, menos do 5% teñen un emprego estable, e case a metade deles asegura ter sufrido algún tipo de discriminación laboral. Por ese motivo, traballar por unha boa inserción laboral deste colectivo é un labor fundamental que FEAFES Galicia quere transmitir a toda a sociedade.

As V Xornadas de Saúde Mental e Emprego “En busca de oportunidades” comezaron ás 09:00 horas no Museo Verbum de Vigo (Avd. de Samil, 17) coa recepción dos asistentes e a entrega de documentación. Ás 09:30 horas fíxose a apertura das xornadas, que foron inauguradas pola responsable do Área de Política de Benestar, Igualdade e Normalización Lingüística do Concello de Vigo, Isaura Abelairas, polo Director Xeral de Traballo e Economía Social da Xunta de Galicia, Odilo Martiñá Rodríguez, e polo Presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón.

As ponencias iniciáronse ás 10:00 horas e desenvolvéronse ó longo de toda a mañá ata as 14:00 horas, continuando pola tarde de 16:30 a 18:30 horas. Ao longo deste tempo realizáronse mesas redondas e ponencias que tocaron temas como a autonomía persoal no emprego ordinario das persoas con enfermidade mental, o paso da rehabilitación á autonomía laboral ou os retos para a incorporación laboral nos casos de patoloxía dual.

Unha das intervencións máis destacadas tivo lugar ás 12:45 horas e foi realizada polo presidente da asociación Murciana de Rehabilitación Psicosocial, Luís Pelegrín Calero, que compartiu unha exitosa experiencia rehabilitadora levada a cabo en Murcia. Trátase do “Parque de Ocio Los Juncos”, polo que pasan cada ano arredor de 18.000 persoas (das cales 14.000 aproximadamente son nenos) e que conta con preto de 90 traballadores con enfermidade mental ou drogodependencia. Isto converte a esta iniciativa nun exemplo incomparable de loita contra o estigma das persoas con enfermidade mental, ademais de axudalos na súa formación e realización persoal.

As Xornadas de Saúde Mental e Emprego demostran, como tantas outras accións que leva a cabo FEAFES Galicia, o compromiso desta entidade coa difusión de boas prácticas e a sensibilización acerca da enfermidade mental. FEAFES Galicia aposta firmemente pola integración das persoas con enfermidade mental como un elemento normalizador, defendendo e demostrando a valía deste colectivo e as súas capacidades para integrarse plenamente na sociedade.

xorempregoo.jpg       xoremprego.JPG