Skip to main content
O Instituto da Familia de Ourense e Saúde Mental FEAFES Galicia, entidade do Grupo Incorpora Galicia, uniron forzas a través do asinamento dun convenio de colaboración que ten dous obxectivos moi claros: por un lado, facilitar e promover a inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental e, por outro, asesorar e dar a coñecer ás empresas do territorio os beneficios da responsabilidade social corporativa.
Ao acto de firma, que tivo lugar recentemente, acudiron o director do Instituto da Familia, Xosé Manuel Domínguez Prieto; a xerente do Instituto da Familia, Isabel de Aguiar; e a técnica de prospección empresarial de Saúde Mental FEAFES Galicia, Patricia Gómez Salgado.

Novos acordos, novos retos para un futuro máis inclusivo

Na sociedade actual, o estigma que sofren persoas con problemas de saúde aínda está moi presente, especialmente no ámbito laboral. Con esta colaboración, polo tanto, preténdese loitar contra esta situación e cooperar na integración sociolaboral daqueles colectivos vulnerables que se atopan con máis dificultades á hora de acceder a un emprego.
Tal como sinala Domínguez Prieto, este convenio ten un valor excepcional, xa que “o Instituto da Familia nace para ofrecer un servizo, pero tamén para aliarse e crear sinerxías con outras institucións que traballan en aspectos parecidos ao noso”. Ademais, engade que “é fundamental coidar as posibles colaboracións con futuros traballadores para facer mellor o noso servizo”.

O programa Incorpora como vínculo entre persoas e empresas con responsabilidade social corporativa

Gómez Salado, técnica de Saúde Mental FEAFES Galicia, incide en que a inserción laboral de colectivos vulnerables, como persoas con problemas de saúde mental, foi dende o primeiro día un propósito clave do programa Incorpora da Fundación “la Caixa”. Ademais, os seus técnicos proporcionan o acompañamento e o seguimento aos usuarios que están na busca activa de emprego, incluso unha vez conseguido un traballo. Por iso, grazas a este convenio de colaboración, á unión de forzas de ambas institucións súmase unha atención integral e transversal que multiplica exponencialmente as posibilidades de conseguir a inserción laboral dos colectivos vulnerables.
Outro dos puntos clave do programa baséase en tender pontes entre entidades sociais e empresas con RSC que ofrecen igualdade de oportunidades laborais a quen máis as necesita, reforzando así o seu lado máis comprometido e colaborativo coa sociedade. Dende Incorpora bríndase asesoramento en axudas á contratación, neste caso de persoas con problemas de saúde mental, no cumprimento da Lei xeral de discapacidade (LXD) e no reforzo das empresas como entidades socialmente responsables, entre outros.

Un paso máis cara a unha sociedade inclusiva coas persoas en risco de exclusión social

Os acordos de colaboración con empresas con compromiso social como o que presentamos hoxe entre o Instituto da Familia de Ourense e Incorpora, a través da súa liña Incorpora Saúde Mental, achégannos un pouco máis á integración sociolaboral de colectivos vulnerables, neste caso persoas con problemas de saúde mental. Ademais, estes convenios son claves para conseguir que cada vez máis compañías coñezan como ser unha empresa socialmente responsable e decidan reforzar a súa RSC contratando a persoas en situación de vulnerabilidade.
No que levamos de ano, e como resultado do traballo conxunto das nove entidades que forman parte do Grupo Incorpora Galicia, logrouse facilitar a inserción laboral de 223 persoas en risco de exclusión social, ofrecéndolles non só unha oportunidade no ámbito laboral, senón tamén un paso máis cara a súa plena inserción social.