Skip to main content
No marco do Día para a Eliminación da Violencia de Xénero, que se conmemorou o 25 de novembro, as distintas delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolveron diversas actividades coa fin de fomentar a igualdade de oportunidades e favorecer a autonomía e a independencia das mulleres con problemas de saúde mental.
Estas accións leváronse a cabo no marco do “Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade”, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade, que ten como obxectivo contribuír á redución da discriminación que sofren estas mulleres e favorecer a súa integración sociolaboral.
Así, na delegación coruñesa da entidade, realizouse unha xornada online dirixida a mulleres con problemas de saúde mental onde se esclareceron conceptos clave relacionados coa violencia de xénero, explicando e definindo os distintos tipos que existen. Por outra banda, definiuse o ciclo da violencia e a súa escalada, ilustrando condutas e actitudes que poden servir como sinais de aviso, do mesmo xeito que se presentaron recursos aos que dirixirse no caso de atoparse ou coñecer a alguén que estea nunha situación deste tipo. 
Pola súa banda, na delegación lucense organizouse un percorrido pola exposición “25N: unha ollada ao mercado laboral”, organizada pola Rede de Técnicos de Inserción Laboral de Lugo (Rede TIL), que visibiliza a discriminación que sofren as mulleres no eido laboral. Realizouse un percorrido guiado e participativo polos distintos paneis que conforman a exposición, favorecendo a reflexión e o intercambio de experiencias das mulleres participantes arredor da temática exposta: as desigualdades existentes no mercado laboral actual.
A delegación viguesa, pola súa parte, organizou un acto conmemorativo que tivo lugar no Auditorio da Deputación de Pontevedra en Vigo, no que participaron 11 persoas para garantir o cumprimento das medidas de seguridade fronte á COVID-19. O encontro consistiu nun coloquio onde se reflexionou sobre a violencia de xénero, os distintos tipos que existen, como se orixina e como se pode previr. Para iso, contouse con material audiovisual de diversos tipos e promoveuse a reflexión conxunta e o debate entre as persoas asistentes.
O “Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade” trata de mellorar a situación persoal e laboral de mulleres con problemas de saúde mental a través dun traballo personalizado e individualizado con cada unha delas. Para iso, facilítaselles información e asesoramento, realízanse accións formativas, aténdense urxencias e trabállase coordinadamente con outros recursos.