Skip to main content

55 persoas con problemas de saúde mental en toda Galicia participan este ano no programa de Par en Par

Un ano máis, Saúde Mental FEAFES Galicia continúa co programa De Par en Par. Este proxecto de inclusión social é unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social.

O programa ofrece unha atención personalizada ás necesidades específicas das persoas con problemas de saúde mental, mellorando as súas competencias básicas para afrontar situacións de crise, implicando ás familias e persoas achegadas no proceso de recuperación ou poñendo en marcha accións grupais para o fomento da súa autonomía e inclusión social.

 

Un programa con repercusión autonómica

Este ano, arrancamos o programa de Par en Par co dobre de participantes que o ano pasado. Un total de 55 personas en toda Galicia que teñen algún tipo de problema de saúde mental e que se atopan nunha situación de risco de exclusión: mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas con dificultades de acceso aos recursos, con carencias nas necesidades básicas, etc.

Así, 12 personas en Coruña, 12 en Vigo, 10 en Santiago, 12 en Lugo e 9 en Ourense; reciben atención e asesoramento para abordar as súas necesidades de forma personalizada. No programa de Par en Par, traballamos coas persoas non só na oficina, senón que se lles ofrece apoio presencial en situacións reais como o acompañamento a centros sanitarios, a realización de xestións administrativas ou o apoio en actividades da vida cotiá. Con estas accións buscamos mellorar a súa calidade de vida e facilitar a súa inclusión na comunidade.

O proxecto de Par en Par é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins Sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.