Segundo datos da
Organización Mundial da Saúde (OMS), un de cada sete mozos e mozas ten algún
problema relacionado coa saúde mental. A depresión, a ansiedade e os trastornos
do comportamento atópanse entre as principais causas da enfermidade e
discapacidade entre a poboación adolescente. A isto, hai que engadir que o
suicidio é a cuarta causa de morte entre os mozos e mozas de 15 a 19 anos.
Non ocuparse dos
trastornos de saúde mental da mocidade ten consecuencias que se estenden á
idade adulta, prexudican a saúde física e mental das persoas e restrinxen as
súas posibilidades de levar unha vida plena no futuro. Informar e sensibilizar
a estes grupos de idade é fundamental para previr e abordar de xeito temperá os
problemas de saúde mental que se poidan dar na xuventude e reducir así o seu
impacto na vida futura.
Por iso, durante
o curso escolar 2021-2022 achegámonos a máis de 15 centros educativos galegos,
entre institutos de secundaria e facultades universitarias, para falar coa
mocidade de diversos temas relacionados coa saúde mental.
Arredor de 500
alumnos e alumnas universitarias e 430 de secundaria recibiron as visitas de
profesionais da saúde mental de distintos perfís (psicólogos/as,
traballadores/as sociais, educadores/as sociais), que abordaron temas como a saúde mental en
tempos de pandemia, a xestión e o manexo do estrés, mecanismos da ansiedade,
sensibilización e intervención en suicidio ou prevención dos problemas de saúde
mental. Nalgúns dos centros participaron tamén persoas usuarias da entidade ou
familiares que achegaron a súa experiencia en primeira persoa.
O obxectivo
destas charlas é sensibilizar e previr problemas de saúde mental no contexto
educativo, ensinando ao alumnado a coidar a saúde mental, detectar sinais de
alarma ou que facer en caso de que exista un problema desta índole. Ademais, os
e as nosas profesionais tamén deron a coñecer os servizos e recursos dos que
dispón a federación para atender a persoas que se atopan nesta situación.
Durante o curso
escolar, impartimos 10 sesións de sensibilización en institutos de A Coruña,
Santiago, A Estrada, Lugo, A Pobra de Trives e Vigo. Pola súa banda, foron 11
os encontros realizados en facultades da Universidade de Santiago, da
Universidade de Vigo no campus de Ourense e da Universidade da Coruña, neste
último caso a través do programa UDC Saudable.
Esta iniciativa
xorde da necesidade de educar en saúde mental desde a infancia e a xuventude,
máis nun contexto como o que estamos a vivir no que os problemas de saúde
mental son cada vez máis frecuentes nestes tramos de idade. Facer chegar esta
información directamente ao alumnado dos centros e a quen participa da súa vida
diaria, como o persoal docente e orientador, axuda a que coñezan esta realidade
e teñan as ferramentas necesarias para traballar na prevención dos problemas de
saúde mental.