Skip to main content
Novas

Un caso de éxito na inserción laboral de persoas con enfermidade mental

By 28 de Novembro de 2013Novembro 13th, 2022No Comments

A integración laboral das persoas con enfermidade mental non só é posible, senón que é altamente beneficiosa para os individuos que sofren estas patoloxías. FEAFES Galicia aposta firmemente pola integración laboral como un axente normalizador, e por iso participa en iniciativas e programas como o promovido pola Fundación Mapfre.

“Juntos somos capaces” permite que persoas con discapacidade intelectual e con enfermidade mental en situación de desemprego poidan realizar prácticas en empresas coa fin de optar á posterior contratación. A través do fomento da relación entre empresas e entidades sociais, este programa pretende paliar a discriminación e a desigualdade na que se atopan estes colectivos.

Juan José é un exemplo de éxito. El ten enfermidade mental pero asegura que a responsabilidade do traballo faino sentir ben, e que a súa calidade de vida mellorou dende que traballa en Bocalino. “Aportoume estabilidade emocional e económica. As relacións, os ingresos… todo, mellorou a miña calidade de vida” asegura.

Pola súa banda, o seu responsable na empresa, Manuel, sinala que Juan José adaptouse con total normalidade e que o seu esforzo e integración son moi valorables. “Dende a miña experiencia, trátase de persoas capaces, responsables e que valoran máis a oportunidade que se lles da con un posto de traballo”.

Ambos aseguran que, en todo momento, o apoio de FEAFES foi constante e de gran axuda, tanto no seguimento de Juan José como no asesoramento a Manuel. “Sempre están aí para resolver calquera dúbida ou cuestión que me preocupe”, di Juan José, mentres Manuel asegura que destaca “a atención do persoal técnico de FEAFES, están aí para calquera tema ou consulta que precises”.

Se queres ler a entrevista completa a Juan José e a Manuel, pincha aquí.

casodeexito.jpg